Comezamos a Serie "Autorías", co noso grande autor, Agustín Fernández Paz.
Na Bibliotelleiras poderíamos decir que é o noso autor de cabeceira, xa que ademáis de termos a meirande parte dos seus títulos, coíncidenos que os andeis cos seus libros están xusto diante do escritorio da nosa Biblioteca.
Queremos empezar a serie sobre autores e autoras por D. Agustín deixando parte do texto escrito por el, chamado "Acórdome"
Acórdome
Acórdome, claro que me acordo. A literatura nace da memoria e da
imaxinación. Todos os libros que escribín, como as tramas dunha tea,
están feitos combinando os fíos da miña vida. Calquera persoa que os leu
e coñeza a miña biografía atopará un paralelismo constante entre as
dúas realidades. Unhas veces máis enmascarada que outras, a vida de
calquera escritor discorre por baixo das súas obras.
Que as historias saian da miña vida non é unha limitación. Ao revés,
trátase do único orixinal que podo aportar ás persoas que viven comigo e
ás que vivirán cando eu xa non estea, si é que alguén le entón os meus
libros. As persoas, todas, somos únicas e irrepetibles. Posuímos unha
visión do mundo, uns sentimentos, unhas vivencias que nos singularizan e
que desaparecerán connosco. A min isto paréceme marabilloso, e creo que
está na raíz dese impulso irracional que me leva a escribir e a
inventar historias nas que quede reflectida a miña visión do mundo e da
vida.
Si tivese que definirme en poucas palabras, diría que son unha persoa
que atopa pracer en inventar historias e contalas por medio da
escritura. Un contador de historias, aínda que isto sempre debería
colocalo en segundo lugar, porque o que de verdade me gusta é ler o que
escriben outras persoas. E ler e escribir, como ben sabemos, son as dúas
caras dunha mesma moeda. As historias, os libros: o fío invisible que
nos une a todas as persoas do planeta.
Pois queremos decirvos que xa temos na nosa Biblioteca o libro "A neve interminable". (Ed. Xerais).
Un novo libro de misterio que pensamos que vos gustará. A trama vai duns guionistas que se xuntan para traballar nunha serie televisiva sobre os terrores no Mundo de hoxe.
No hay comentarios:
Publicar un comentario