
Na quinta hora, en cada aula, vaise ler un comunicado elaborado por dúas alumnas de 2º de Bacharelato.
"Hoxe, 25 de novembro, celébrase o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, data que ten un importante fin: chamar a atención sobre a situación de miles de mulleres e nenas que están a sufrir todo tipo de maltrato e humillacións a diario pola simple razón de "ser mulleres". Nos medios de comunicación falarase durante todo o día deste tema, farán balance sobre os últimos casos deste tipo de violencia e entrevistarán a mulleres que teñen conseguido saír do escuro pozo que é o maltrato.
Todos e todas solidarizarémonos coas vítimas e os políticos prometerán tomar medidas para solucionar o problema, pero o máis probable é que mañá moitos xa o terán esquecido e seguirán co seu día a día, sen maior preocupación.
Realmente conseguimos melllorar a situación da muller nestes últimos anos? A verdade é que non, incluso empeorou. O número de mulleres maltratadas non diminúe e cada vez as vítimas son máis xoves, mozas da nosa idade que sofren todo tipo de abusos físicos, psíquicos e sexuais.
É importante entender que o maltrato non é soamente o feito de que a túa parella che levante a man, senón tamén que controle que roupa te pos, con quen e a onde saes, recibir insultos e burlas, crerse mellor ca ti, humillarte... Esta é quizais a forma máis grave de abuso e a que máis dano fai, provoca na persoa que a sofre unha baixa autoestima e unha falta de autorealización. El sempre tratará de disculparse e dirá que te quere, pero o amor non ten nada que ver con iso. Querer a alguén é respectalo, non coartar a súa liberdade nin desprecialo.
Este é un problema da sociedade que non se solucionará ata que cambiemos o modelo educativo, olvidemonos de roles e tópicos, como que as nenas só poden xogar con bonecas e vestir de rosa e os nenos teñen que xogar con coches e vestir de azul; e comecemos seriamente a educar en igualdade, tanto na casa como na escola-instituto, tratando estes temas sen trampas.
Para acabar co machismo e a violencia contra as mulleres debemos traballar todos xuntos, homes e mulleres, non quedar calados ante estas inxustizas, cambiando a nosa actitude e esixindo medidas eficaces aos nosos gobernantes.
¡ NON SEXAS DESES QUE AO DÍA SEGUINTE XA SE TEN OLVIDADO DO TEMA!
¡ NON Á VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES! DENUNCIA, REXEITA A VIOLENCIA, NON CALES."
Comunicado das alumnas de 2º de Bacharelato do IES As Telleiras.
No hay comentarios:
Publicar un comentario